Thursday 02 de May de 2024

A Xunta aproba unha nova planificación para seguir modernizando a xustiza e lograr en 2020 a implantación do Expediente Xudicial Electrónico no 100% das sedes xudiciais


Informa que o novo Plan Senda verá incrementado o seu orzamento nun 14% respecto á anterior planificación, acadando un total de máis de 26 millóns de euros

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, destacou a aprobación da nova planificación xudicial artellada no ‘II Plan Tecnolóxico da Administración da Xustiza en Galicia Senda 2020’ e subliñou como obxectivo estratéxico a implantación do Expediente Xudicial Electrónico (EXE) no 100% das sedes xudiciais en 2020, o que “permitirá a tramitación completa dun procedemento por medios telemáticos”. O Plan busca acadar unha xustiza máis próxima e transparente, máis eficiente grazas á xestión electrónica e segura.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo anunciou que o Plan Senda, que integra as tecnoloxías da información e da comunicación no ámbito xudicial, verá incrementado o seu orzamento nun 14% respecto á planificación anterior, acadando un total de 26,6 millóns de euros. Deste xeito, a nova planificación acadará unha Xustiza “máis accesible, máis eficiente e con máis tecnoloxía”.

Unidos a estes tres obxectivos, o responsable do Executivo autonómico informou que “xa neste ano poranse en marcha tres pezas chave” do Expediente Xudicial Electrónico, que serán a sede xudicial electrónica, o Visor do Expediente Xudicial e o sistema de Xestión de Arquivos físicos e pezas de convicción.

Nesta liña, o titular da Xunta afirmou que “a finais de ano porase en marcha a sede xudicial electrónica” co obxectivo de que se consolide “como canle única para todas as actuacións” como a presentación telemática de escritos, a validación de documentos, o taboleiro de edictos, as notificacións electrónicas, as poxas xudiciais ou o acceso seguro aos expedientes dos procesos xudiciais nos que se é parte.

Feijóo comunicou asemade que, segundo as previsións do Plan, en cinco anos o o 40% das demandas interpostas directamente polos cidadáns presentaranse a través da sede xudicial electrónica. Nesta liña enunciou as vantaxes que a nova planificación suporá para os empregados da Administración da Xustiza coa creación do posto de traballo dixital que permitirá o acceso seguro á información en calquera momento, incluso fóra da rede corporativa, así como que o sistema Lexnet que se consolidará como “a canle de comunicación entre todos os profesionais do eido xudicial”.

Unha Xustiza máis eficiente
Do mesmo xeito que a sede xudicial electrónica, o presidente asegurou que o visor do Expediente Xudicial Electrónico e o sistema de Xestión de Arquivos “poñeranse en marcha este ano”.

Respecto ao Visor, Feijóo destacou que “permitirá a consulta dos expedientes dende dispositivos electrónicos, mentres que o sistema de Xestión de Arquivos e pezas de convicción permitirá “a localización de calquera expediente en papel en calquera sede xudicial así como a identificación e xestión dos bens incautados nun procedemento xudicial”.

Outras medidas a adoptar
O mandatario galego insistiu na importancia da dotación de medios para que en 2020 o 100% das sedes xudiciais conten co equipamento necesario para acceder ao Expediente Xudicial Electrónico e apuntou cara a universalización da videoconferencia e o proceso de centralización da información xudicial no Centro de Datos Integral comezado no Plan Senda 2014, como outras medidas a adoptar.

Feijóo concluíu a súa intervención lembrando que esta batería de medidas axudarán a cumprir outros obxectivos do Plan como que en 2020 o 50% dos expedientes da Administración de Xustiza en Galicia sexan completamente dixitais.